Vimianzo promove o programa de andainas ‘Recunchos de outono’

O Concello de Vimianzo promove doutra volta o programa de andainas ‘Recunchos de outono’, con tres andainas nas que as persoas inscritas poderán desfrutar da ‘Ruta do mel’ o 15 de outubro; ‘Bamiro: un paseo pola historia’ o 30 do mesmo mes ou ‘Entre Carnés e Cereixo’, o 19 de novembro.

Poderase realizar a inscrición a través do enderezo web municipal, en www.vimianzo.gal ou escaneando o código QR presente nos carteis que se atopan nos perfís oficiais das redes sociais municipais.

A saída será ás 9:30 horas e a volta sobre as 14:00 horas. Recoméndase levar comida, bebida e calzado e roupa axeitados. As tres actividades son totalmente de balde, e como se trata de rutas circulares, os desprazamentos ata o punto de inicio serán por conta allea.

A primeira das actividades, a ‘Ruta do mel’, constará de 9 quilómetros e onde o principal atractivo serán as máis de doce alvarizas que se ubican no Monte Faro. Seguindo o curso do rego das Borrallas, o rego Mourelos e o rego do Monzo, descubriremos multitude destes singulares elementos que nalgún tempo fixeron deste monte un dos máis ricos da comarca en produción de mel.

Na segunda, ‘Bamiro: un paseo pola historia’, percorreranse 14 quilómetros por algúns dos lugares máis emblemáticos da parroquia e da contorna do río Grande ao seu paso pola Piroga e Baio. A capela de Monte Torán, Pedra Vixia ou o Cruceiro dos Santos, algúns dos puntos do percorrido. Por último, entre Carnés e Cereixo, o 19 de novembro, pechará o programa ‘Recunchos de outono’ con outros 9 quilómetros de percorrido, unha andaina con esencia, alma e tradición. Durante a mesma, albiscaranse paisaxes de ribeira e interior, numerosos muiños, un dos cabazos máis grandes da Costa da Morte ou a igrexa de Santiago de Cereixo e a súa Traslatio.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha