Vimianzo propón executar unha nova rede de saneamento na parroquia de Carantoña

Lugar proposto para a nova depuradora.

A obra sería financiada con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña cun orzamento base de 111.000 euros.

Preténdese dotar deste servizo municipal a algunhas vivendas que carecen do mesmo, no lugar de Lexas e Carantoña (Lugar de Abaixo). No lugar de Carantoña xa existe unha rede de saneamento que da servizo á maioría de vivendas do núcleo, vertendo á depuradora existente.

Sen embargo, o servizo de saneamento municipal, que funciona por gravidade e sen bombeos, non chega a un bó número de fogares debido á topografía do lugar. Algunhas destas concéntranse na zona da Igrexa, tamén coñecido como Lugar de Abaixo.

Tamén existe outro grupo de casas, situadas ó longo da estrada que baixa desde o cemiterio ata o centro do pobo, e ao longo da estrada que baixa desde o Cruceiro ata a Igrexa, que tampouco poden evacuar os residuos á rede existente.

A gran maioría destas vivendas non verten os residuos á rede, na actualidade fano a unha rede de colectores que á súa vez desemboca nun camiño na zona da Fonte do Conde. Alí se produce o vertido, en superficie.

Porén, o Concello de Vimianzo pretende dar solución a este problema medioambiental. Por unha banda, executarase unha nova depuradora na zona baixa do pobo, no espazo posterior á Igrexa) para poder dotar de saneamento por gravidade a todas as casas do lugar, e executarase unha rede totalmente nova no Lugar de Abaixo.

Por outra banda, o colector que baixa do Cruceiro será conectado coa nova rede e evacuará, polo tanto tamén, na nova estación depuradora, eliminando totalmente desta forma o vertido existente na zona de Fonte do Conde. Renovarase tamén o colector de augas pluviais existente.

Miguel Ángel Pérez, edil de Obras, subliña que “significa moito para Carantoña esta intervención, en particular, pero tamén para Vimianzo, porque damos solución a un problema medioambiental non grave, pero que si que nos preocupa”, avanzando “máis revisións para executar traballos deste calibre e que a nosa veciñanza, sexa do núcleo que sexa, poida contar con servizos municipais de primeira”.