O Concello de Vimianzo proporá un novo orzamento para o vindeiro exercicio 2024 que incrementa nun 38% a súa partida respecto ao de 2023, prorrogado tamén durante o presente exercicio económico.
Será nunha proposta que elevará a Pleno o equipo de goberno o vindeiro mércores, 29 de novembro, onde se coñecerán todos os detalles deste documento, unha “folla de ruta que marcará o devir do noso municipio durante os 365 días”, sinala a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
Esta proposta, realizada antes de que remate o vixente exercicio económico, “demostra que non só temos previsión, senón tamén moi clara a nosa liña de acción de goberno: máis servizos e reforzo do social para garantir a igualdade de dereitos de todas as vimiancesas e vimianceses”, subliña a rexedora.
Un dos puntos a destacar neste documento será a nova Ordenanza Fiscal e Reguladora da Feira. A que está vixente fora aprobada no 1989 e derogada na pandemia. A idea é que entre en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2024. Regulará os espazos e a xestión da mesma.
Un dos apartados nos que se reforzará este documento será no persoal, coa idea de que tanto as brigadas de verán como as prazas de técnico de Turismo e técnico de Igualdade sexan unha prioridade. Neste sentido, tamén destacaría a aposta pola creación dun CIM, Centro de Información á Muller, para o que se reserva unha determinada cantidade.
Como comentabamos con anterioridade, o social verase reforzado tamén co foco posto no SAF, Servizo de Axuda no Fogar, que actualmente presenta lista de agarda ‘cero’ pero que “non por iso temos que deixar de reforzar”, apunta a concelleira de Benestar Social, María José Pose. Crearase unha partida exclusiva para igualdade por primeira vez na historia do Concello de Vimianzo.
Dentro destes orzamentos tamén se recollen, entre outras, as subvencións a entidades culturais e deportivas. Só para as Comisións de Festas se reflicte unha partida de 50.000 euros, nunha clara aposta forte polo apoio á cultura e ao deporte.
A nivel infraestrutural, saneamentos en varios núcleos, a continuación do paseo fluvial, investimentos en infraestruturas para o ciclo da auga, pavimentacións en diversos núcleos e o arranxo de camiños nas parroquias serán tamén eidos destacados nestes orzamentos para o 2024. Só en mantemento de vías públicas se contemplan 240.000 euros.
Os impostos, sen incrementarse
Un dos temas que máis preocupan á veciñanza, e con razón, son os impostos a pagar en cada exercicio económico. O Concello de Vimianzo non contempla unha suba neste senso, manténdose como estaban ata o de agora.