Vimianzo prosegue coa programación cultural ‘A Costa da Vida’


Trátase dun proxecto diferente que chega a todos os estamentos da sociedade vimiancesa para converterse nun elemento vertebrador e transversal, introducindo unha intensa actividade cultural con compoñentes contemporáneos na vida cultural do municipio. Consta de 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia.

Este sábado é o turno do contacontos Caxoto Díaz Valle, chegará ao Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo co seu espectáculo ‘Don Carnal (e outros contos desvergoñados)’. Será ás 20:30 horas. A función está enmarcada na programación cultural de inverno.

O domingo, ás 11:00 horas, será o turno da cómica Marta Doviro e o proxecto ‘Memorias dunha rapasa da costa’; unha representación que forma parte do programa ‘A Costa da Vida’. Será na escola de Castrelo con entrada libre e de balde.