- Con estas actuacións o Concello buscará subsanar os problemas de inundacións, moi frecuentes durante a época de choivas
A Administración local de Vimianzo ten proxectado o plan para reparar e habilitar o paseo de Santiago de Cereixo. O plan, que conta coa financiación da Consellería do Mar para estratexias e desenvolvemento local, conta cun orzamento que ascende a 196.247,28 euros. Esta intervención pretende dar solución a un dos problemas de base que presenta esta zona: as frecuentes inundacións nas épocas de choiva. A acontecida en decembro de 2018, por exemplo, provocou danos catastróficos tanto na estrutura de practicamente todos os tramos do paseo coma nos pavimentos de madeira.
O paseo de Cereixo trátase dun espazo natural e etnográfico singular á beira do río Carnés. Alberga un parque, un castelo e unha fortificación que datan do século XVI, así como a capela Románica de Santiago de Cereixo. Na ría tamén se atopa un muíño de mareas levantado no ano 1679.
Para que o impacto das obras sexa mínimo, actuarase por tramos e non se variarán os límites nin a contorna do paseo, mantendo como definitivas as cotas, pendentes e alturas actuais. Empregaranse polo tanto materiais xa existentes nestes espazos como a madeira de piñeiro e o granito. O goberno local decidiu incluír unha serie de modificacións nalgún tramo e de maneira adicional, contemplando así o emprego da pedra en maior medida para acadar unha superficie ríxida e compacta que contribúa a minimizar o impacto de posibles futuras inundacións. Ademais, o executivo presentou algunhas modificacións a maiores desta que non foron posibles de incluír por permisos patrimoniais.
Instalaranse tamén novos modelos de luminarias para substituír ás actuais e farase o mesmo cos bancos e papeleiras. Recuperaranse os paneis informativos e realizaranse as pertinentes tarefas de limpeza previa. O proxecto inclúe, á súa vez, a inclusión dunha preinstalación da rede de saneamento que sirva ás vivendas ao pé da estrada DP-1603.