- Planearase, xunto co Concello de Dumbría, solicitar a Augas de Galicia a limpeza do río Cabral, onde hai risco de inundacións estacionais
O Concello de Vimianzo proxecta a mellora na estrada de Baíñas a Olveira con actuacións tanto na súa plataforma como nos elementos de drenaxe. Entre as actuacións figuran unha nova capa de rodadura, a reparación das zonas danadas e unha reposición completa do firme.
O proxecto atópase en fase de redacción, pero desde o Concello contan con iniciar as obras en primavera. O tenente de alcalde, Víctor Muíño, anuncia “medidas provisionais” na zona para “tratar de paliar os efectos das obras executadas polo goberno anterior, que lonxe de subsanar os problemas, incrementáronos”.
Ademais, xunto co Concello de Dumbría, desde Vimianzo planean solicitar a Augas de Galicia un estudo hidrográfico na zona polas inundacións estacionais provocadas polo río Cabral que, debido á maleza que presenta nos seus bordos, fai que se produzan desbordamentos que afectan a máis dun quilómetro da vía. Esta situación imposibilita o tránsito tanto de maquinaria pesada como de vehículos convencionais, co conseguinte desvío do tráfico e a problemática que isto implica para a veciñanza.
“O noso obxectivo é darlle solución definitiva a un problema que vimos arrastrando de anos atrás, sendo ademais unha demanda da veciñanza e xente que traballa no transporte”, sinalan os rexedores de Vimianzo e Dumbría, Mónica Rodríguez e José Manuel Pequeño respectivamente.