Vimianzo recibe a concesión provisional para o proxecto da Traslatio e Camiños de Santiago

1 minutes read
  • A administración local solicitou unha subvención para desenvolver un proxecto dentro de ‘O Teu Xacobeo’, e chegar así a diferentes colectivos de Galicia

O Concello de Vimianzo recibiu a concesión provisional para o proxecto da Traslatio e Camiños de Santiago nas terras dos Condes de Altamira. A administración local solicitou unha subvención para desenvolver un proxecto transversal e participado dentro de ‘O Teu Xacobeo’, e chegar así a diferentes colectivos de Galicia.

Para desenvolver o compendio de actividades que se prevén, o orzamento total do que se disporá ascende a 20.000 euros, dos que o 60% estarán subvencionados por ‘O Teu Xacobeo’. Entre setembro e decembro de 2020, e de xaneiro a setembro de 2021, celebranse actividades con proxección internacional nos eidos artístico, deportivo, social e de patrimonio; todo relacionado coa Traslatio, cos Camiños de Santiago e co Castelo de Vimianzo.

Entre os obxectivos deste proxecto atópanse a participación nas accións de promoción do Ano Santo Xacobeo 2021, fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, especialmente entre a xente nova; impulsar o desenvolvemento sustentable das áreas rurais e potenciar o efecto económico xerador de riqueza dos Camiños de Santiago, ou potenciar o intercambio cultural e a reflexión en relación ao Camiño de Santiago.