Vimianzo recibe unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras


O Concello de Vimianzo comezou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, onde se leva traballando de maneira ininterrompida desde o 2018.

O obxectivo é descubrir o gravado rupestre que se atopou nunha das cabanas, así como ampliar a área visitable do mesmo. “O Castro a nivel arqueolóxico é moi fértil, co cal sempre que vimos agardamos moi bos resultados”, apunta o responsable dos traballos, Tito Concheiro, quen presentou a campaña xunto á alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco e o técnico de Deportes Víctor Santos.

Nas Barreiras atópanse sempre cousas moi atípicas, como poden ser estruturas interiores ou o betilo que nos encontramos en pasadas campañas. “Para nós, ter constante contacto con este castro é moi importante”, incidiu Concheiro, que rematou agradecéndolle “o Concello de Vimianzo a súa aposta continuada por estes traballos”.

A vindeira semana comezará o plan de divulgación, no que participarán arredor de 500 alumnas e alumnos de centros tanto de Vimianzo como de Baio, ademais das visitas xa rexistradas esta fin de semana das persoas participantes na xuntanza de autocaravanas.

Neste sentido, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou “o traballo tanto das áreas de Deportes e Cultura como de todo o equipo de arqueoloxía, que como dixo antes Tito, está ó servizo da cidadanía, e realizan unha labor fundamental: a de difusión do coñecemento á sociedade”, e admite que “é ilusionante o que se vai vivir neste xacemento a vindeira semana”.