Vimianzo recibiu a Estrella Arjomil entre eloxios e agradecemento

1 minutes read
  • Esta veciña vimiancesa leva 14 anos en Mozambique como misioneira

A vimiancesa Estrella Arjomil foi recibida este venres no seu pobo nunha recepción oficial na Sala de Conferencias da Casa da Cultura na que tamén estiveron presentes a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o párroco Don Daniel entre outros. O motivo deste recibimento foi destacar o papel de Arjomil en Mozambique onde, como misioneira, leva 14 anos desenvolvendo tarefas humanitarias.

«Estrella leva este nome porque ilumina o camiño de centos de persoas que tanto o precisan», sinalou a rexedora, quen agradeceu «inmensamente» o seu desempeño no país africano nun «contexto tan difícil».

Arjomil narrou parte das súas experiencias en Cabo Delgado, territorio situado debaixo de Tanzania, onde os seus habitantes están asoballados pola lepra e tamén por conflitos bélicos que semellan non rematar nunca. Con recursos limitados, a vimiancesa destacou que está levando a cabo un proxecto denominado Casa da Providencia para persoas con lepra avanzada ou estancias poshospitalarias.

Durante as últimas semanas a veciñanza vimiancesa volcouse con esta iniciativa, recolectándose máis de 3.000 euros. Co terreo e o pozo de rexistro, só falta o edificio que lle dá nome ao proxecto.

Ao final do acto de recepción a alcaldesa obsequiou a Arjomil «en nome de todo o noso pobo porque eres unha persoa cuxos valores nos definen ás vimiancesas e vimianceses: constancia, solidariedade e respecto».