O Concello de Vimianzo reforzará o departamento de Servizos Sociais coa adquisición dun vehículo para empregar no desenvolvemento de todos os programas propios nos que se requiran desprazamentos.
Todas as traballadoras e traballadores de Servizos Sociais do Concello de Vimianzo poderán facer uso deste turismo, que deberá ser de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde emitida pola Dirección Xeral de Tráfico.
Cubrirá as necesidades en todo este eido, por exemplo á hora de acudir a un domicilio particular ou facer un seguimento por parte da traballadora social do Concello de Vimianzo.
Estará financiado integramente con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e cun valor estimado de 27.431,22 euros. Deberá ir rotulado coas imaxes corporativas oficiais da Xunta de Galicia, o emblema da Unión Europea e a declaración “financiado pola Unión Europea-NextGenerationUE”, o escudo do Concello de Vimianzo e a referencia “Servizos Sociais”.
A concelleira de Benestar Social, María José Pose, subliña que se trata “dun servizo que vén a sumar medios a un departamento de Servizos Sociais no que poñemos moito énfase: a nosa veciñanza precisa dunha área deste calibre reforzada e neste senso adquirimos este vehículo”.