- Patrimonio deberá autorizar definitivamente o proxecto para que o Concello o saque á licitación
O Concello de Vimianzo dá un paso máis para levar a cabo o proxecto de renovación das instalacións de alumeado e sinalizacións exteriores de todo o municipio. Trátase dun proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros e que está subvencionado nun 80% polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). A administración local deberá aportar o 20% restante, é dicir, un total de 472.473,70 euros que foron aprobados no pleno deste venres.
Patrimonio ten a última palabra no relativo á autorización definitiva tras a que se procederá ao proceso de licitación por parte do Concello. Con estas actuacións conseguirase un aforro de máis do 50% para as arcas municipais no que respecta á facturación deste servizo, ademais de conseguir unha iluminación máis eficiente e con menor impacto ambiental.
Logo das máis de 300 bombillas que xa se instalaron no núcleo urbano da localidade, este proxecto implicará a renovación de máis de 4.500 puntos de luz nos 133 lugares do municipio.