O Concello de Vimianzo xa conta os días para retomar a programación de ‘A Costa da Vida’, un dos 15 proxectos ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura da Xunta de Galicia dotada inicialmente con 630.000 euros.
O programa completo presentárase oficialmente o pasado mes de outubro cun concerto de luxo, o 5 de novembro, a cargo de Mercedes Peón, Ana Fernández e Mónica Nut; e, esta fin de semana, arrincan as primeiras funcións. O sábado 14 a escola de Vilar, en Cereixo, acollerá o espectáculo de comedia ‘Dous no camiño’ con Fran Rei e Isa Risco. Será ás 13:00 horas. Dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, esta obra foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017. Nesta montaxe, dirixida a todos os públicos e cunha posta en escena moi sinxela, revísanse tres das lendas xacobeas máis populares: a do cabaleiro francés Roldán, a da barca de pedra de Muxía, e a traslatio do Apóstolo Santiago a Compostela.
Ao día seguinte, Píscore aterrará co seu ‘Concerto Singular’ no local social de Comareiro, en Serramo. Será ás 12:00 horas. O espectáculo, premio do público Festiclown 2017, ten como protagonistas a catro grandes solistas que deberán organizarse para tocar xuntos nun concerto. Esta proposta mestura o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.
‘A Costa da Vida’ consta de 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia. O obxectivo é implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para acadar unha dinamización sociocultural do municipio recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados da localidade a través da cultura.
Desde o Concello agardan que o público desfrute “de obras, espectáculos e concertos de gran calidade” que se estenderán por todas as parroquias porque a cultura é “un ben que debemos coidar e ao que todo o mundo debe ter acceso”.
