- Estes elementos foron restaurados recentemente por Terra Arqueos
O Concello de Vimianzo continúa co seu plan de recuperación patrimonial coa restauración dos cruceiros de Casas Novas e Tufións, ambos catalogados como Ben de Interese Cultural e con máis de cen anos de historia. «No primeiro empregamos técnicas de reconstrución do máis avanzadas que existen xa que presentaba un estado avanzado de deterioro», destacou Tito Concheiro, un dos responsables deste proxecto xunto a Luis Francisco López, de Terra Arqueos.
Ata agora os cruceiros atopábanse nunha rotonda, pero proceder á colocación dos mesmos na súa ubicación orixinal era moi necesario debido a que «non están deseñados para as vías de comunicación modernas, nin para o tráfico pesado que hai hoxe en día», afirmou o arqueólogo.
Concheiro quixo agradecer ao Concello de Vimianzo a gran implicación en proxectos de posta en valor dun patrimonio que «é de todos», conseguindo o beneplático da concelleira de Cultura, Rosa Blanco, quen sinala que o goberno local continuará loitando por recuperar os elementos que «forman parte da nosa identidade».