Vimianzo sorteará máis de 6.000 agasallos coa campaña Mercabolas

O tecido comercial, as casetas do Recuncho Gastronómico e o Concello de Vimianzo convocan, un ano máis, unha campaña para estimular as compras de proximidade baixo a denominación ‘Mercabolas’, que estará activa dende o 09 de decembro ata o 10 de xaneiro. En total sortearanse máis de 6.000 premios, entre os que se inclúen agasallos físicos, bonos descontos, unha viaxe, etc. A iniciativa foi presentada, esta tarde, no recuncho gastronómico do municipio.

Todas as persoas que compren nos comercios adheridos e nas casetas do Recuncho Gastronómico recibirán un tícket-bóla que deberán trocar por unha bóla no ‘Bombo de Nadal’, que estará localizado na carpa da praza do Concello. No caso das casetas gastronómicas, permitirase extraer unha bóla por cada oito tícket-bóla.

O bombo estará dispoñible oito días: os xoves (agás o 1 e 8 de xaneiro) dende as 12:00 horas e os sábados dende as 18:00 horas ata esgotar as 800 bólas do día, todas con premio. Nelas haberá, cada día, un premio “excepcional”, entre os que se encontran unha televisión, unha fritideira de aire ou unha viaxe a Oporto.

O 5 de xaneiro, Día de Reis, o sorteo será especial, xa que todos os agasallos estarán pensados para a cativada; e o último día de bombo, 10 de xaneiro, a partir das 20:00 horas farase un sorteo extraordinario de 1.200 euros. Será retransmitido en directo a través das canles oficiais do Concello.

Cada persoa poderá canxear un máximo de tres tícket-bóla por quenda e será imprescindible presentalo xunto co recibo de compra, agás no caso dos emitidos polas casetas.

Durante a presentación, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, salientou “o éxito” desta iniciativa edición tras edición, xa que é “un apoio fundamental para os nosos establecementos de proximidade nestas datas nas que as compras están á orde do día”.

Related posts

O Concello de Cabana convida a veciñanza á inauguración da Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois

Zas clausura os campamentos de Semana Santa nos que participaron máis de 60 nenos e nenas

A Xunta investiu nos últimos anos case 900.000 € en diversas melloras no Instituto Fernando Blanco, en Cee