O Concello vén de recibir unha minicargadora de eiruga de goma, cun investimento de 96.316 euros financiado ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Este novo equipamento permitirá mellorar os traballos de conservación, limpeza e prevención de incendios no termo municipal.
A minicargadora de eiruga destaca porque, en comparación con outros equipos pesados, ten menor compactación do solo, o que minimiza o impacto sobre a vexetación e os ecosistemas. Grazas aos seus complementos, como unha desbrozadora, cazo cargador, portapalés e cullerón varredor, pode empregarse para a eliminación de vexetación seca e matogueiras en zonas de risco, reducindo a posibilidade de incendios forestais e favorecendo a rexeneración natural do terreo. Ademais, o seu uso resulta idóneo para abrir sendeiros ecolóxicos sen danar a flora, restaurar terreos degradados e realizar movementos de terra controlados.
A maquinaria súmase a un camión grúa que o Concello adquiriu de maneira recente a través da mesma liña de axudas. Con el preténdese facilitar o traslado de elementos pesados nos traballos para a reforestación e permite transportar materiais sen necesidade de múltiples viaxes.
Durante a recepción do novo vehículo, o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, destacou que “este novo vehículo permitiranos seguir coidando o noso territorio e actuar de forma preventiva” ao que engadiu que “poderemos acometer con máis eficacia traballos de limpeza, de retirada de árbores, mantemento de camiños e, en definitiva, mellorar os servizos que lle ofrecemos a nosa veciñanza”.