Vimianzo | Teatro para celebrar o Día do Libro coa obra ‘Libre como os paxaros’

Imaxe dun momento da obra_Web Teatro Atlántico

  • A actividade, enmarcada nunha programación especial da Deputación, vai dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO do IES Terra de Soneira

Este venres 23 de abril é o Día do Libro, e o Concello de Vimianzo decidiu celebralo coa representación da obra ‘Libre como os paxaros’, de Teatro do Atlántico. Esta é unha actividade que se enmarca dentro da programación especial do Día do Libro da Deputación da Coruña e na que participará o alumnado de 3º e 4º de ESO do IES Terra de Soneira. Será ás 11:00 horas no Auditorio vimiancés.

A obra, integrada por textos de Rosalía de Castro e baixo a composición musical de Vadim Yukhnevich, a iluminación de Antonio Francisco Simón e a dirección de Xúlio Lago, será executada pola actriz María Barcala.

A protagonista decide non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa; declarando o seu amor pola literatura e a lingua do seu país, así como o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo.