O Concello de Vimianzo continúa a súa firme aposta pola preservación, conservación e posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico. Este martes comezou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras. Os traballos, comandados por Tito Concheiro e dos que se encargarán novamente o equipo de Terra Arqueos, daránlle unha “nova visión” ao xacemento, segundo explica o propio arqueólogo. “O Castro das Barreiras vaise converter na auténtica locomotora do patrimonio cultural de toda a comarca”, destaca.
Concheiro tamén explicou que están «a traballar coa perspectiva de poder facer esta campaña de primavera e outra no outono”, coincidentes coa tempada escolar, e poder sumar un dos activos máis importantes dun xacemento arqueolóxico: a rapazada.
Así, intervirase na metade do xacemento que se orienta cada o suroeste, coa mirada posta na muralla e o seu paramento interior, no que está previsto acometer traballos en ata 30 metros. “Tamén ampliaremos a casa que se descubriu o ano pasado e escavaremos novamente no cemiterio cerámico”, subliña Concheiro. En setembro prevese unha intervención completa noutro sector de escavación na muralla.
A vindeira semana retomaranse as visitas escolares co centro educativo de Baio, e tamén do alumnado do Obradoiro de Emprego de Turismo, convido coa Xunta de Galicia e os concellos de Muxía e Camariñas. Xa hai outros centros educativos que concertaron visita para acudir a observar o xacemento e “isto é o que lle da o sentido completo ao noso traballo”, asegurou Concheiro.
Pola súa banda, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, amosouse “ilusionada” por esta nova campaña nas Barreiras, e sinalou que “desde o Concello desexamos que poida ser interpretable para as visitas en todo o seu esplendor, coa súa estrutura orixinal xa atisbada”.