Vimianzo ultima os traballos que non se puideron realizar durante a pandemia

1 minutes read
  • Nas intervencións destacan o pintado de sinalización no chan de todas as rúas ou a mellora de accesibilidade nalgúns puntos da localidade

O Concello de Vimianzo está a ultimar os traballos en materia de obras que non se puideron concretar durante a pandemia provocada pola covid-19. Entre estas accións, destacan o pintado e repintado da sinalización no chan de todas as rúas do municipio, ou a eliminación das barreiras arquitectónicas, que garantirán a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida.

O goberno local dalle novamente prioridade a pequenas intervencións en todos os núcleos rurais e urbanos que tiveron que pararse debido á necesidade de optimizar os recursos para a loita contra o coronavirus, aínda que ‘xa eran obras que estabamos planificando e que eran moi demandadas pola veciñanza’, destaca a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Entre este compendio, as máis destacables son o arranxo do peche do parque infantil, a sinalización no acceso ao campo de fútbol, na subida a Reboredo, Casais e ao Agro de Trasariz e tamén á limpeza en Treos. Ademais, contemplouse a actuación na rede de sumidoiros en Cabana e Carantoña, así como pequenas intervencións en Castro, na parroquia de Salto.