Vimianzo | Unha excursión de Cereixo a Santiago para descubrir o camiño Xacobeo

1 minutes read
  • A ruta, de balde, será este sábado. O proxecto, enmárcase no O teu Xacobeo da Xunta de Galicia

Descubrir os lugares que marcaron a lenda xacobea da Translatio é a misión dunha excursión que partirá este sábado de Vimianzo. O lugar que inspira a viaxe, e primeira parada, será a igrexa de Santiago de Cereixo onde o seu tímpano románico recolle unha das representacións máis antigas da historia do traslado do corpo do Apóstolo de Palestina a Galicia. Entre outros lugares relacionados co camiño Xacobeo tamén se visitarán Baíñas, Padrón e, finalmente, Santiago de Compostela.

O percorrido, enmarcado dentro do proxecto O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, iniciarase na Casa da Cultura de Vimianzo ás 09:00 horas. A participación na excursión é de balde ata completar o aforo dispoñible. As reservas realizaranse no correo electrónico desenvolvemento.local@vimianzo.gal.

Máis actividades

Ademais da excursión, durante o mes de setembro haberá unha andaina e un obradoiro fotográfico dende o Santuario da Barca de Muxía ao Porto de Cereixo (18 de setembro) ou o Foro Europeo Translatio e Camiños de Santiago nas
terras dos Condes de Altamira (24 de setembro).

Dentro do programa, a igrexa de Santiago de Cereixo está a acoller a representación teatral A barca prodixiosa de Cereixo, dos Quinquilláns. A entrada é de balde e a función desenvolverase todos os venres ás 17:00 horas ata o 24 de setembro.