“Vidas perdidas”, obra gañadora do concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero de Vimianzo

Reunión do xurado no certame de microrrelatos_Cedida

  • A poeta Rosalía Fernández Rial visitou o IES Maximino de Baio, e en Coristanco inaugurouse a exposición “Nin unha cadeira máis baleira”

Este mércores deuse a coñecer o fallo do xurado do certame de microrrelatos contra a violencia de xénero impulsado desde o concello de Vimianzo. Estefanía Martínez, coa obra Vidas perdidas, convértese na primeira gañadora; Reminiscencias, de Carme Trillo, acadou o segundo posto e Lorena Cernadas fíxose co terceiro premio grazas a Amencer.

En Baio, o IES Maximino Romero de Lema programou varias actividades durante a semana do 25N. Este mércores o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato recibiu a visita de Rosalía Fernández Rial, quen presentou o seu último libro de poemas Árbores no deserto. Trátase, segundo conta a autora, dun libro coral onde as mulleres son protagonistas rescatadas do deserto, do silencio; mulleres que escribían e non tiñan a necesaria divulgación que necesita toda creación.

E tamén continúan as iniciativas de rexeitamento contra a violencia machista no concello de Coristanco. O pasado 1 de novembro, o concello puxo en marcha a campaña Nin unha cadeira máis baleira, que trata de simbolizar a crúa realidade das consecuencias dun acto de violencia machista.

Varios artistas e autores locais como Loli España, Lupe Blanco ou Evaristo Domínguez entre outros, realizaron as súas propostas en colaboración cos centros educativos da localidade. Así, na planta baixa do edificio de Servizos Múltiples sitúase esta exposición reivindicativa, e quen desexe visitala deberá pedir cita previa no 651 664 908.