Vimianzo | Visitas guiadas, Cirqueiras e Panillada, pecharon un mes de xullo cargado de actividades


Este último sábado de xullo estivo repleto de actividades pra todos os gustos en Vimianzo, a Praza do Concello acolleu o espectáculo Cirqueiras, que contou coa participación de Marta Sempre Arriba, Patty Diphusa e A Vela Circo nunha gala presentada por Isabel Risco.
Tamén tivo lugar a actividade Panillada, enmarcada na programación de ‘Vimianzo Artesanía Viva’. A cita celebrouse ás 17:00 horas no patio do Castelo e nela as persoas asistentes puideron aprender a facer encaixe da man de profesionais do ámbito. A acción estivo dirixida a persoas adultas e a menores de máis de 8 anos (acompañados por adultos). Ademais do obradoiro, a Asociación As Nemanquiñas recreou unha panillada no patio do Castelo.
Na mesma xornada, leváronse a cabo as visitas guiadas ao Castelo e aos Batáns do Mosquetín. Vimianzo pechou así un mes de xullo cargado de actividades, sobre todo para os máis pequenos da casa, e con todas as medidas de seguridade e hixiene.