Vimianzo | Volven os actos vandálicos ao concello con pintadas nun letreiro en Pasarela

Concello de Vimianzo

  • A Administración local vén de instalar recentemente máis de 200 elementos totalmente renovados

O Concello de Vimianzo fixo este mércores un novo chamamento a preservar o mobiliario urbano tras detectar actos vandálicos en novos sinais viarios ubicados en Pasarela, na parroquia de Calo. Unha sinalización que recentemente foi renovada polo goberno local coa instalación de máis de 200 elementos.

Dous meses máis tarde desta intervención detectouse un letreiro indicativo cuberto case por completo con pintura branca. Segundo informan desde o Concello, as primeiras pesquisas apuntan a unha «gamberrada» para chamar a atención e o goberno municipal manifesta a súa total condena a este ataque contra uns elementos que «son de toda a veciñanza».

As forzas e corpos de seguridade xa están investigando os feitos e desde o Concello de Vimianzo instan a que se alguén ten algunha información sobre este suceso contacte coa Policía Local.