Vimianzo xa ten datas para a clausura das súas escolas culturais e deportivas

1 minutes read

O Concello de Vimianzo xa ten datas para a clausura das escolas culturais e deportivas postas en marchas desde o mes de outubro.

A clausura das escolas municipais de patinaxe, taekwondo e tiro con arco será o martes 16 de maio, ás 18:00 horas, no pavillón de Vimianzo.

O sábado 20, ás 18:00 horas, o Auditorio Municipal de Vimianzo acollerá o remate de actividades da escola municipal de teatro cunha mostra de teatro infantil e xuvenil. As entradas para acudir a este evento son gratuítas pero será preciso retirar os tíckets en woutick.es.

Na mesma plataforma, e coas mesmas condicións, poderanse adquirir as entradas para ‘Sombras na noite de Woody Allen’, unha obra interpretada pola propia escola municipal de teatro que terá lugar no Auditorio o domingo 21 de maio ás 20:00 horas.

Por outra banda, tamén se celebrará a inauguración da exposición dos traballos realizados pola escola municipal de arte e palillo. Será o venres 26, ás 20:00 horas, na Sala Antón Mouzo.

Por último, o sábado 27 de maio será o festival de clausura da escola municipal de música e danza. A cita desenvolverase na praza do Concello a partir das 18:00 horas.