Visibilidade e tradición | Comezou en Buño a XXXVII edición da Mostra de Olería

Organización e autoridades no acto de inauguración da XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño.

Este xoves arrincou oficialmente a XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño, que este ano se celebra os días 12, 13, 14 e 15 de agosto. Ás 12 do mediodía tivo lugar o acto de inauguración do evento, que este ano se dedica á figura da muller dentro do oficio oleiro.

No acto de presentación participou o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; a concelleira de Olería, Leticia Naya Varela; o presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín; a secretaria da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez Franco; e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López.

Presentación do acto inaugural por Fran Gorín.

Fran Gorín foi o encargado de introducir a todas as personalidades presentes no acto inaugural. O presidente de Olería de Buño, que rexenta o Obradoiro Gorín, agradeceu “todo o esforzo das entidades e persoas implicadas por sacar adiante esta edición da Mostra a pesar de todas as dificultades sanitarias”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra fixo extensible este recoñecemento “a todo o tecido asociativo do municipio por facilitar e colaborar á hora de confeccionar a programación deste ano”. Cómpre destacar que durante os vindeiros días haberá, ademais das clásicas demostracións do oficio, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.

Neste sentido, Patricia Rodríguez Franco explicou que se trataba “dun ano moi emotivo para retomar a celebración da Mostra logo das complicacións xurdidas a raíz da situación sanitaria”. Así, agardou que nesta edición “Buño siga a demostrarlle ao resto do mundo as súas potencialidades como referente artesán galego e peninsular”.

A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña dedicou a súa intervención a poñer en valor “o corazón e o cerebro co que traballan as decenas de oleiros e oleiras que seguen a manter vivo o oficio en Buño”. “Esta é unha oportunidade excepcional para amosar a universalidade de Galicia e o excepcional do noso patrimonio cultural”, engadiu.

O alcalde, Walter Pardo, pechou o ciclo de agradecementos destacando “a memoria viva coa tradición oleira que mantén Buño 37 anos despois da primeira edición da Mostra”. “O Concello segue e seguirá traballando man a man coa Olería de Buño para avivar a chama desta celebración de todas e todos os malpicáns”, concluíu.

Logo das intervencións, o grupo realizou unha visita polos postos instalados no percorrido da Mostra logo da actuación gaiteira da Asociación Cultural Malante. Pouco despois comezaría a primeira demostración de olería ao torno da xornada na Praza de Santa Xusta. Alcaldes e alcaldesas de diferentes concellos da Costa da Morte sumáronse ao acto inaugural desta Mostra de Olería.

Demostración ao torno.