- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade visitou este mércores o centro, que conta con 17 prazas
A asociación Aspaber recibiu este mércores a visita do director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón. O representante da Xunta estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. Tamén se sumaron á visita os concelleiros do PP Rubén Lorenzo e Beatriz Neira. En representación de Aspaber acudiron o seu presidente, Rufino Fraga; o directivo José Antonio Silván e a directora do centro, Dolores Fernández.
Neste primeiro contacto coa entidade carballesa, o director xeral coñeceu as instalacións da Brea, que recentemente recibiu axudas da Deputación da Coruña, a Xunta e Agader para implementar un novo servizo orientado á formación e o emprego.
A xunta directiva da asociación puxo sobre a mesa a urxencia de ampliar a oferta residencial. Segundo explicou Dolores Fernández, na actualidade teñen 17 prazas cunha ocupación do 100% dende a súa apertura, pero ante unha demanda que vai en aumento non poden seguir dándolle resposta. Agora traballan na posibilidade de contar cunha nova residencia que permita engadir polo menos 30 prazas máis e atender as necesidades das familias. Fernando González explicou que por parte da Administración autonómica existe unha liña de axudas ás que pode optar Aspaber.