Visita sorpresa do presidente de EE. UU., Joe Biden, a Kiev


O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, viaxou este luns á capital de Ucraína, Kiev, nunha visita sorpresa que se enmarca dentro da súa xira polo leste de Europa, segundo informou a Casa Branca. É a primeira visita de Biden a Ucraína desde o comezo da invasión rusa, da que o venres se cumpre un ano. “Un ano despois, Kiev aguanta. E Ucraína está de pé. A democracia aguanta”, declarou Biden, quen se reuniu en Kiev co presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, despois de que ambos se visen as caras por primeira vez o pasado 21 de decembro durante unha histórica visita do gobernante ucraíno a Washington, na súa primeira viaxe ao estranxeiro desde que se iniciou a guerra. Durante a súa reunión con Zelenski, Biden anunciou 500 millóns de dólares adicionais en asistencia estadounidense, ademais de asegurar a Ucraína o apoio estadounidense e aliado mentres dure o conflito. O presidente estadounidense busca manter unidos aos aliados no seu apoio a Ucraína, ante a previsible intensificación do conflito, con ambos os bandos preparándose para as ofensivas de primavera.