Visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo para escolares de 4 e 5 anos

1 minutes read

Un total de 598 escolares de catro e cinco anos de idade participarán este trimestre no programa de visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa, unha iniciativa da Concellaría de Cultura de Carballo para que as nenas e os nenos empecen a familiarizarse coa “Esencia perenne” dun recurso cultural único na Costa da Morte.

Alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, A Cristina, San Luís Romero, Artai, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Canosa-Rus e CRA Ponte da Pedra participarán nunha actividade duns 45-50 minutos de duración que inclúe unha visita guiada pola zona infantil e unha función de contacontos cos Ratos de Lonxedetodo da compañía teatral Trinketrinke. Ademais, cada un dos cativos e das cativas levará un agasallo.

As sesións comezarán o luns 14 cos coles Fogar e Bergantiños e continuarán o martes 16 (Fogar, A Cristina e Canosa-Rus), o luns 4 de novembro (San Luís Romero, Nétoma-Razo e Bergantiños), o luns 11 de novembro (Artai e Gándara-Sofán) e o martes 12 de novembro (CRA Ponte da Pedra).