Visitas teatralizadas e obradoiros de artesanía para desfrutar do Castelo de Vimianzo este verán

Artesanía no Castelo de Vimianzo_Concello

  • As actividades realizaranse durante xullo e agosto e algún día de setembro.
  • O día 16 de xullo celebrarase unha visita nocturna á fortaleza.

Este verán o Castelo de Vimianzo seguirá sendo o epicentro cultural da localidade coa programación de visitas teatralizadas e os obradoiros de artesanía en vivo. Actividades que comezaron o pasado 3 de xullo e que seguirán este domingo en quendas de 12:30 e 17:00 horas. Por outra banda, as visitas guiadas celebraranse todos os domingo deste mes e de agosto, ademais do 4 e 11 de setembro, en horario de mañá e de tarde (ás 12.30 e as 17.00 horas). Os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Os percorridos son de balde.

Ademais, este sábado darán comezo as actividades de artesanía viva cun obradoiro o día 9 de barcos e nasas. Será a partir das 11:00 horas a cargo de Chema Suárez. Haberá 12 prazas dispoñibles, sendo completamente de balde. Para este mes tamén hai programados un taller de barro (16), de vidro (23) e de palillo (30); mentres que en agosto se desenvolverán os de liño (6), palla (13), barro (20) e encadernación (27). Todas as actividades darán comezo ás 11 horas e estarán impartidas por asociación e entidades moi coñecidas como Obradoiro Cambón, Esther Ferreiro, As Nemanquiñas, Veciños O santiaguiño de Carreira, Arte en palla, Obradoiro Lista e Aspadex.

Xa no mes de setembro o día 3, a partir das 11:00 horas, levarase a cabo o obradoiro ‘Encaixe’ coas Nemanquiñas e o día 10, ás 17.00 horas, haberá un novo desfile do liño grazas á Asociación de Amigos do Liño de Galicia. As inscricións poderán realizarse a través do enderezo www.vimianzo.gal/turismo.

Visita nocturna

O sábado 16 de xullo, o Castelo albergará unha visita teatralizada nocturna que dará comezo ás 21:00 horas. Poderase reservar praza na web mencinoada anteriormente entrando no apartado Castelo, Castelo Vivo e Visitas Guiadas.