Visto e prace ao convenio Xunta-Concello da Coruña para executar o Novo CHUAC

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo destacou que se trata da “maior obra hospitalaria que se levará a cabo nesta lexislatura”, ao tempo que sinalou que, cun investimento de máis de 431 millóns de euros, permitirá dobrar a superficie construída, incrementar un 108% os postos de urxencias, contar cun 50% máis de consultas e dispoñer dun 15% máis de camas e dun 50% de habitacións individuais.

En virtude deste convenio establécese o reparto de tarefas e responsabilidades. De tal xeito que a administración autonómica asumirá todo o procedemento urbanístico, a redacción, supervisión e aprobación dos proxectos técnicos e a licitación e execución das obras do hospital. Ademais, executará as obras de urbanización e infraestruturas necesarias para os accesos e conexións viarias. A Xunta investirá máis de 431 millóns de euros no novo hospital público da Coruña, no que xa está a executar a fase 0, cun investimento de 13 millóns de euros.

Pola outra banda, o Concello da Coruña, cun investimento de 26 millóns de euros, será o responsable de financiar a adquisición dos terreos necesarios para o hospital e os accesos, poñer á disposición unha parcela adicional, tramitar a licenza e permisos urbanísticos, así como de desenvolver os servizos municipais básicos e garantir a exención do IBI e doutras taxas aplicables.