A Comisión Europea xa ten carta branca para acudir aos mercados e pedir os préstamos que lle permitirán financiar o Fondo de Recuperación. Para logralo foi necesario que os 27 Estados membros aprobasen o mecanismo coñecido como «Recursos Propios». E os últimos en facelo foron os parlamentos de Austria e Polonia. A falta dalgúns trámites, o diñeiro poderá empezar a chegar en xullo.
«Unha vez validado o plan, a Comisión aínda debe finalizar unha serie de documentos como o acordo de financiamento cos Estados interesados. E despois da firma, a Comisión poderá iniciar os trámites para a prefinanciación do 13%. Isto significa que os primeiros pagos comezarán certamente en xullo», explicou Marta Wieczorek, portavoz do executivo comunitario.
O Plan de Recuperación europeo establece que boa parte do diñeiro se destine a proxectos verdes e á dixitalización da economía. Pero tamén as reformas son un elemento crave. A Comisión Europea confirmou que 21 países xa presentaron os seus plans, e que os que o fixeron en abril serán os primeiros en recibir o diñeiro.