Visto para sentenza o xuízo a unha muller de Cee acusada de intentar asfixiar a súa nai


A acusada contou que o día de autos escoitou como a súa nai lle dicía por teléfono á súa cuñada que ela non facía nada, que non traballaba e que só comía. Como era mentira, dixo, foi ao seu cuarto e quitoulle o dispositivo.

Explicou que daquela ambas as dúas caeran na cama. Asegurou que non lle tocou e negou que intentara asfixiala cun coxín. Tamén terlle golpeado ao seu pai, tetrapléxico, pouco despois. Só admitiu que lle lanzou roupa para taparlle a cara porque a estaba a insultar. Engadiu que naquel momento el desmaiouse e que ela foi quen o reanimou dándolle palmadas na cara, non sopapos. Asegurou que a súa proxenitora a viña ameazando desde hai tempo e que lle ía preparar unha boa para enviala ao cárcere. 

Entre bágoas, a nai declarou que non tiña ningunha dúbida de que a súa filla quería afogala e matala, malia que non lle manifestou a súa intención. O pai acolleuse ao seu dereito a non declarar.

A investigada está acusada dun delito de homicidio en grao de tentativa e doutro de maltrato no ámbito do fogar. Polos que a Fiscalía pide para ela un total de sete anos e medio de cadea. O xuízo quedou xa visto para sentenza.