Vitoria cómoda do Calvo Xiria contra o Magope Seis do Nadal


Marcando comezou o Calvo Xiria aos 35 segundos de partido ante o Magope Seis do Nadal nun encontro, que a priori, presentábase complicado debido á igualdade de ambos os conxuntos e á rivalidade entre ambos os equipos, pero sobre todo á cantidade de baixas coas que chegaba o conxunto carballés á contenda no Vila de Noia, e que mesmo motivara ao club a pedir a solicitude do aprazamento do partido, pero a Federación Española denegoullo.

O Calvo Xiria afrontaba como un gran reto este encontro; con orgullo e competitividade, unido máis que nunca ao apoio da afección, que como sempre, respondeu o máximo. Os de Adrián Dubra plantáronse ordenados en pista durante os primeiros 20 minutos do encontro, con ataques claros e boa circulación de balón, aínda que se atascou algo mais cara ao descanso cun lixeiro baixón en ataque, pero aínda así chegaría ao ecuador do choque cunha vitoria de 5 goles, 17-12.

No segundo tempo o Xiria non baixou a garda e boas transicións de Antonio ou Gabriel estaban a causar problemas no repregamento do Magope Seis do Nadal e marcando unha diferenza de sete goles no minuto 12. A partir de aí o partido durmiuse por momentos, con ambos os equipos xogando a ritmo lento, ao Magope Seis do Nadal custáballe baixar e defender e o Calvo Xiria xa non daría tregua, ao final se manteríase a diferenza gañada con anterioridade deses sete tantos e a contenda finalizaba máis cómoda do esperado para o conxunto local, 31-24.

Ao Calvo Xiria, con estes deberes feitos, espéranlle agora dous importantes exames, o primeiro a domicilio ante o BM Ingenio e o segundo, en 15 días, na casa ante o Lanzarote, partidos que poden ser transcendentais para determinar as aspiracións do equipo carballés na categoría.