Vitoria de Obradoiro ante Baxi Manresa (98-91)

4 minutes read

Triunfo coral do conxunto santiagués que contou coa improvisada batuta dun excelso Robertson, quen co seu virtuosismo interpretativo nos momentos “quentes”, consolidou o sensacional concerto interpretado pola orquestra filarmónica de Obradoiro.

Arrincaba o encontro cun Obradoiro desafinado, 0-5 de inicio para prolongar o parcial ata o 3-11 con Sima (15 puntos, 5 rebotes e 15 de valoración) castigando ao equipo local. Robertson (25 puntos, 2 rebotes, 1 asistencia e 26 de valoración), tras tempo morto de Moncho Fernández, saía en auxilio santiagués poñendo o 9-13. Resposta dos cataláns con 0-4, facendo dano e castigando os erros locais con contundencia ofensiva. O canadense era o único recurso que mantiña aos homes de azul. A pesar de todo, o cuarto pechábase cun demoledor e preocupante 14-22.

O segundo cuarto foi unha verdadeira revolución. Os de Moncho Fernández empezaban a defender con rigor e igualar a intensidade visitante. Ademais, comezaba o seu particular show-estafe desde o triplo, coa concatenación de acertos que levaron a empatar o partido 29-29 tras un lanzamento afastado de Philip Scrubb (13 puntos, 3 rebotes, 3 asistencia e 15 de valoración). Tempo morto de Pedro Martínez que non logrou centra aos seus, quen asistía impasibles á continuación do vendaval santiagués. Anotaba Álex Suarez (9 puntos, 9 rebotes, 1 asistencia e 21 de valoración) o seu terceiro triplo sen fallo, para disparar a vantaxe local aos 8 puntos. Impensable facía uns escasos minutos. Reacción dos homes que onte vestían de branco e ambas as escuadras enfilaban o túnel de vestiarios con 43-41 no luminoso. Obradoiro fora capaz de voltear o marcador e irse ao descanso con vantaxe.

Tras o intermedio, comezaba o cuarto da igualdade. Dani Pérez iniciaba o acto empatando o encontro e empezaban as alternancias no marcador. Birutis (12 puntos, 6 rebotes e 12 de valoración) resultaba determinante na pintura. Un inexplicablemente desaparecido Ellenson conseguía un 3+1, que se sumaba á sucesión de 2+1 que Obradoiro empezaba a arrincar do xogo interior. Resposta do MVP Moneke (17 puntos, 12 rebotes, 3 asistencias para asinar 29 unidades de valoración) anotando o segundo triplo dos catro que tentou no partido.

Os locais poñíanse 7 arriba e os manresanos empezaban a fallar os seus intentos triplos. Xurdiu a figura de Sylvain Francisco (18 puntos, 3 asistencias e 9 de valoración) quen anotaba cinco puntos seguidos, deixando o terceiro cuarto en 66-64, tras empatar ambos os conxuntos o cuarto a 23 puntos.

Entrabamos no cuarto decisivo onde Obradoiro seguía xogando ben, cun Robertson de altas prestacións e obrigando aos terceiros na clasificación para empregarse a fondo. Por parte visitante asumía os galóns Thomasson (14 puntos, 4 rebotes, 5 asistencia e 12 de valoración), sostendo ao basket Manresa. Valtonen poñía o perigoso 80-81 no marcador a falta de dous minutos e as vellas pantasmas de Obradoiro volvían aparecer. Espantounos Robertson dunha plumada cun sensacional triplo desde a esquina, poñendo a guinda aos 12 puntos anotados no último cuarto. Empate de Sima e última bóla para gañar o partido para Obradoiro. Birutis atopouse cunha asistencia máxica a 2 segundos para finalizar o encontro e cando todo o público compostelán festexaba o mate, a realidade en forma de gorro espectacular colocado por Moneke in extremis levou o partido á prórroga e cinco minutos máis por xogar. Fin do partido con empate a 85.

E aí Obradoiro soubo recompoñerse ao mazazo da ocasión errada e tamén ao triplo inicial manresano de Francisco, que inauguraba a prórroga e presaxiaba moito sufrimento. Paliado por un sensacional Robertsson quen empata a prórroga a 88 a 3:41 para o final. Volvía aparecer cunha canastra de dous puntos para poñer o 94-91 a 1:58. De aí á conclusión, os manresanos non ían a encestar máis, mentres que os composteláns anotarían 4 puntos máis para pechar o partido con vitoria galega por 98 a 91.

Excelente e importantísima vitoria para coller osíxeno tras a derrota in extremis en Lugo da xornada anterior.

Ben a segunda unidade compostelá achegando e anotando máis que a catalá. Os irmáns Scrubb ben e Philip cada día mellor conxuntado. Okouo facendo un bo papel cunha entrega sen límites, a pesar de empezar mal e dalgunha carencia. Birutis demostrando a súa valía con moi bos minutos e Robertson, simplemente “ the best”. Incomprensible segue sendo o papel dun Ellenson que vai camiño de ser o “ bluff” da tempada, cando estaba chamado a ser determinante. Confianza en que de aquí ao final dea un pouquiño do que se espera del e axude a conseguir a ansiada permanencia. Sen dúbida a afección espérao e apóiao. Ánimo!

Próxima estación Fuenlabrada, o sábado ás 18 horas, nun duelo cun rival directo.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO