Antollábase o Barça como o rival menos adecuado para o lavado de fronte que o Obra pretendía levar a cabo, tras o desastre tinerfeño. A pesar de todo, Obradoiro conseguiu cambiar a imaxe e lograr o seu “obxectivo” de pelexar ata o final e chegar aos instantes decisivos con opcións. Ao final, a moeda saíu cruz e os visitantes levaron a vitoria por un apertado 75-78, nun final que ben puido ter un guion diferente, de xogar os detalles dos dous últimos minutos a favor de Obradoiro.
Pero non foron unicamente decisivas as últimas xogadas favorables aos blaugranas co importante triplo de Calathes, o mate de Abrines e os fallos de tiros libres de Birutis, quen deixaba un por cobrar sempre que visitaba a liña dun punto nas faltas que lle fixeron no último cuarto. Os de laranxa tiveron un “especial” criterio á hora de sinalar faltas nun ou outro lado, e cada vez que eran para cos de Barcelona, sinalábanse con maior rapidez e menor permisividade que no outro lado da pista. Desta sutil forma pitábase a segunda falta a Birutis, persoal que nunca se sinala a un grande e que, acompañada da terceira en defensa, inmediatamente despois, de xuvenil, desas que hai que evitar se ou se, condicionaron o partido dunha maneira determinante. Todo isto sucedía no primeiro cuarto, e Obradoiro víase obrigado a prescindir do seu xogador máis decisivo demasiado tempo. Máxime cando no terceiro cuarto, saíndo de fronte despois de ser sentado ata entón, cometía a cuarta nun calco idéntico á segunda falta sinalada no inicio. Demasiada laxa e limitación para o 5 máis puro dos galegos.
Arrincaba o partido onte domingo no Multiusos Fontes do Sar ás 20 h, aínda sen público por causa da covid19. No lado visitante saía de titular a ex Obra Artem Pustovyi, quen cometeu 2 faltas persoais moi rápido e xa non volveu saír. A chiscadela do adestrador culé Jasickevicius ao que fose ídolo dos composteláns, duraba moi pouco. Os triplos locais de Beliauskas, Robertson e Pozas (7 puntos, 3 rebotes, 6 asistencias e 18 de valoración), permitían aos galegos mandar no marcador. Na casa do debe, a terceira falta pitada a Birutis (12 puntos,6 rebotes, 3 asistencias e 14 de valoración, nos escasos 16:45 minutos en pista), quen estaba atopado o camiño da anotación e acompañando ao bombardeo dos seus compañeiros, supuxo un lastre importantísimo para o devir do encontro.
No lado visitante non só Davies (9 puntos, 6 rebotes e 12 de valoración), quen era un filón para cargar de persoais aos locais, se non tamén Heurtel, que se reivindicaba, sostiñan ao Barça. Pechábase o primeiro cuarto con 22-20 para os de Santiago.
Comezaba o segundo cuarto co volteo ao marcador por parte dos blaugranas, 22-24 no minuto 12 por medio do base galo. Mentres tanto, Enoch que substituía ao cargado con 3 faltas, Birutis, tiraba de oficio e anotaba 7 puntos consecutivos con triplo incluído, poñendo o luminoso con 31-24 no minuto 14 tras un 9-0 de parcial obradoirista. Reacción visitante e o partido quedaba empatado no minuto 19 tras triplo de Abrines, para acabar 2 puntos arriba Obradoiro ao paso por vestiarios, 39-37 tras acabar en táboas o segundo cuarto17-17.
Tras o descanso arrincaba Birutis da partida e sacáballe Davies a cuarta persoal apenas iniciado o terceiro acto. Novamente ao banco sen tempo para poder achegar. O cadro culé empezou a funcionar en modo apisoadora. Xurdía a figura de Calathes (25 puntos, 1 rebote e 2 asistencias para asinar 20 de valoración), o xogador máis decisivo onte e máis valorado xunto con Mirotic (8 puntos, 9 rebotes e 2 asistencias con 20 puntos de valoración), quen abría a brecha no marcador. Perdida de intensidade defensiva e erros locais, que aproveitaba o cadro catalán para marcharse con 10 puntos de diferenza, 51-61 ao final do cuarto.
Parecía que o partido estaba sentenciado cando desde o banco local saíron Muñoz e Czerapowicz, quen achegou a enerxía e o osíxeno que lle estaba empezando a faltar a Obradoiro, meténdoo en partido cun 7-0 de parcial de saída. Apertaban os locais e chegou o empate no minuto 35 con 65 a 65 e todo por decidir. Birutis xa estaba en pista con 4 persoais e nutríase de balóns ao lituano, quen ben anotaba, ben dobraba balón ou era obxecto de falta, pois a vixilancia sobre el era leitmotiv do xogo blaugrana. Chegou a conseguir a quinta falta de Davies. A pesar de todo, o talón de Aquilés do xigante local foi o lanzamento de tiros libres, non conseguindo anotar de 2 en 2 nos instantes decisivos.
Pola contra, o Barça anotaba as canastras importantes da man de Calathes que cravou unha tripla clave, e Abrines, cun mate excepcional. No carrusel final, 3 puntos abaixo para Obradoiro e un lanzamento forzado de Muñoz que non foi catalogado de falta polo trio arbitral. Con todo, foron ao instant replay para observar se o lanzamento desesperado do mesmo, que non tocou nin aro, fora taponado ilegalmente por Mirotic. Claramente, isto último non era o obxecto de dúbida. Veredicto final, balón para o Barça e apenas 2 segundos para sacar o balón e gañar o partido.
Atrás queda ese posible 2+1 a Muñoz en canastra previa e os 5 segundos de saque en instantes decisivos. A falta ao triplo in extremis de Muñoz, non se considerou punible.
Nova derrota local, esta vez ante o transatlántico de Euroliga FC Barcelona, quen o paso realmente mal ante un bo Obradoiro. De xogar así sempre, volverá coñecer a vitoria e moi pronto. Faltou máis acerto no triplo, 8/26 non é suficiente e controlar as faltas sabendo o que pode pasar co criterio laranxa ante equipos con nomes superlativos.
A pelexa do rebote foi santiaguesa, 26 a 25, garra e intensidade, marca da casa. Ese é o camiño e o vindeiro xoves ás 20.30 h, novamente como local, ante un Joventut de Badalona que vén xogar o partido posposto por mor dos casos de covid19 que houbo nos verdinegros, estamos ante unha boa oportunidade. De xogar como onte, a recado que estará moito máis preto Obradoiro de conseguir a sexta vitoria.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO