Vitoria do Obradoiro en Sevilla tras dous minutos e medio máxicos


Vitoria de Obradoiro C.A. B por 76 a 87 #ante Coosur Betis, en partido disputado o pasado sábado no pavillón San Pablo da capital hispalense ante case 4.000 espectadores.
Importantísima terceira vitoria dos de Santiago, quen logra gañar por primeira vez a domicilio para saír dun pozo no que deixan aos locais, tomando osíxeno e moral cara os próximos encontros. Marcador enganoso pois a vitoria custou moito e foi moi traballada. Dous minutos e medio finais máxicos dos visitantes cun parcial de 4-17 puxeron a vitoria na marcadora compostelá.

Arrincaba o encontro cun Betis consciente da importancia do envite. 5-0 de parcial local que atopou resposta galega cun 0-6, para colocar o 5-6 roto por unha penetración do colosal MVP do encontro Shannon Evans (27 puntos, 4 rebotes, 1 asistencia e 29 de valoración) e poñer o 7-6 que volvería a voltear Obradoiro: 7-9, tras o único triplo galego do primeiro cuarto, das mans de Álvaro Muñoz, quen anotaría os seus únicos puntos do encontro no minuto 6.

De aí ata o final do cuarto, paupérrima anotación, tan só un punto de Obradoiro e cinco do Betis, acabando o primeiro acto con 12-10 para os locais. E é que este primeiro cuarto foi un cúmulo de erros, Robertson, que ao cabo se erixiría en protagonista cos seus triplos enviaba ao limbo os seus tres intentos do primeiros dez minutos. Pola súa banda os verdibrancos tamén se apuntaban ao particular carrusel de fallos, sendo capaces de anotar un único triplo no mesmo intervalo e con idénticos algarismos. 1/6 por equipo e cos nervios e imprecisións protagonizando este primeiro acto.

O segundo cuarto continuou coa tónica da igualdade, pero xa con maior acerto anotador. Scrubb (17 puntos, 4 rebotes, 3 asistencias e 21 de valoración) tomaba as rendas do ataque visitante, anotaba, pero atopábase enfronte con Evans, o mellor xogador do encontro que respondía os intentos compostelás e poñía o luminoso nun perigoso 20-14 preto do ecuador do cuarto. A pesar de todo Scrubb, seguía ao seu, e os seus 10 puntos no cuarto con 2/2 en triplos dos 3/4 que conseguiría finalmente, contaron coa colaboración de Robertson, que espertaba do seu letargo e poñían as táboas no marcador, 34-34 con ambos os conxuntos enfilando o túnel de vestiarios. Gañaba Obradoiro o parcial por 22-24, devolvéndolle aos andaluces os 2 puntos de diferenza cultivados no anterior. Tras o descanso, o equipo vestido de vermello fíxose co control. Birutis (12 puntos, 6 rebotes e 10 de valoración) empezaba a postear con acerto.

Con todo, Betis porfiaba e un triplo de Todorovic (12 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia e 13 de valoración) devolvía a vantaxe aos hispalenses coa metade do cuarto cumprido. Pero foi un espellismo, pois nese preciso instante apareceu a mellor versión compostelá. Showtime dun fantástico Robertson (20 puntos, 2 rebotes, 3 asistencias, para asinar 18 unidades de valoración) quen anotaba un 2+1 e 2 triplos consecutivos, tornando en acerto os fallos iniciais deixando o marcador en 48-58, que serían 49-58 tras un tiro libre de Agbelese, acendendo as alarmas sevillanas. 15-24 no parcial e último cuarto por xogarse.

A pesar da diferenza, Betis loitou e tras a máxima ata entón de 49-60, tras anotar un “tocado no nocello” Ellenson (9 puntos, 8 rebotes e 11 de valoración), o equipo andaluz volveu ao partido. Carrusel de fallos composteláns tras un triplo do local Bertans. Primeiro, un mal saque de fondo de Ellenson significa un 2+1 de Evans. Segundo, outra perdida, esta vez de Birutis tradúcese en nova canastra do de sempre e a escapada que parecía a boa, vaise ao limbo. Tras un parcial de 11-2, o tenteador sinalaba 60-62. Apenas transcorreran 2 minutos do último acto e as espadas continuaban no alto.

A pesar diso Obradoiro era capaz de controlar os nervios e tras poñer en marcha a conexión lituana: triplo de Beliauskas e canastra de Birutis, parecía que demarraban os galegos definitivamente con 60-67 noutros 2 minutos, sendo o 34 do encontro. Nada máis lonxe da realidade, un persistente e crente equipo bético insistía na súa particular procesión do vía crucis e con dose de fe extrema volteaba o electrónico: 72-70, tras canastra de Evans, un 2+ 1 de Burjanadze (13 puntos, 4 rebotes, 1 asistencias e 19 de valoración) e 2 de Bertans, quen todo o que fixo, foi anotar 7 puntos neste cuarto xa que acabou con valoración negativa de -1. E aí, acabouse o Betis. Apareceu o Apóstolo Santiago disfrazado de equipo de baloncesto, de nome Obradoiro. Dous minutos e medio de milagre apostólico que se iniciaron cun tiro libre de Robertson anotado, fallo no seguinte e rebote visitante para acabar nas mans do de Toronto que anotaba un triplo e establecía o 72-74 galego.

Aínda foron capaces os do pantalón negro de empatar o encontro, pero o vendaval santiagués xa estaba desatado. Birutis anotaba os seus 2 tiros libres. Un triplo de Hobbs (9 puntos, 2 rebotes, 7 asistencias e 12 de valoración) poñía a puntilla a 39 segundos. Facía xogo cos 3 tiros libres anotados por Robertson tras recibir unha falta no seu intento de triplo e completábase co anecdótico triplo de Ellenson no último suspiro do encontro co partido xa finiquitado. Final, 76-87, once puntos de diferenza que non falan ás claras da igualdade extrema que houbo sobre o parqué do San Pablo. Respira Obradoiro quen tras os dous paus seguidos recibidos en forma de avultada derrota cultivados previamente, sae do coma e aséntase nos postos tépedos da clasificación.

Próxima estación, un sempre temible Lenovo Tenerife o sábado 30 de outubro ás 18 h, no Multiusos Fontes do Sar. Partido presumiblemente duro, no que haberá que estar moi concentrado e acertado.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO