Xornada de pleno para os equipos ‘A e B’ do Grupo Lemaco Xiria

2 minutes read

Nova vitoria para o Grupo Lemaco «A» no Gatañal

4ª Xornada da Liga Ouro Cadete Masculino

Pizzería Barato Bm. Cangas 25 – Grupo Lemaco Xiria A 33  (11-16)

Visitaban un dos templos do Balonmán galego, pero non lle tremeu o pulso aos xogadores carballeses, nun encontro onde saíron moi enchufados pero no transcorrer dos minutos se foron diluíndo e dando opcións ao seu rival.

Nun bo comezo de encontro o Xiria despregou a súa fortaleza defensiva anulando o ataque rival e marcando con facilidade na contra, pero no momento que colleu ampla diferenza no marcador acomodouse, baixando intensidade en defensa e con moito desorde no ataque.

O Cangas aproveitou para achegarse no marcador, o Xiria tardou en volver a coller o temón do encontro e a pesares de ser moi castigado polo arbitrase, 8 exclusións e 7 sete metros na súa área e ningunha exclusión nin 7 metros na canguesa, soubo xogar para non poñer o resultado en risco.

Triunfo para o Grupo Lemaco «B» no «derbi» diante do Camariñas

4ª Xornada da Liga Prata Cadete Masculino

Grupo Lemaco Xiria B 24 – Balonmán Camariñas 23 (14-13)

No derradeiro lanzamento impoñíase o Grupo Lemaco nun intenso e igualado encontro fronte ao Balonmán Camariñas.

Ante as baixas dos carballeses parecía que a fortaleza amosada nos primeiros minutos polos camariñáns ía a impoñerse no terreo de xogo, pero o Xiria tomoulle a cara ao partido demostrando a capacidade e bo facer dos seus xogadores.

Partido de dureza defensiva por parte de ambos equipos, e onde o Grupo Lemaco soubo cerrar ben no 5:1 as traxectorias cara o centro non permitindo lanzamentos cómodos ao rival, cada gol valía un mundo, pois a igualdade reinou durante todo o partido, chegou o Xiria co depósito máis cheo aos derradeiros minutos, pero o Camariñas volvía a empatar a falta de escasos segundos, na derradeira acción os árbitros sinalaron 7 metros cando un xogador do Xiria avanzaba claramente a gol, a transformación daba os dous puntos aos locais.