Vitoria dun Real Madrid co mono posto ante Obradoiro

Vitoria dun traballador Real Madrid no Multiusos Fontes do Sar ante Obradoiro por 71-87, en partido disputado o martes 23 de marzo ás 18 horas.

Aludía Moncho Fernández ás claves do encontro, atopándoas no principio e no fin. E é que, neste particular alfa e omega do partido, o transatlántico de Euroliga merengue non deu opción aos galegos. Entre medias, Obradoiro tentaba achegarse o máis posible e andou preto, pero en canto os brancos onte de escuro, vían perigar a súa vantaxe, volvían poñerse en modo apisoadora para, coma se dun rodete tratásese, aplanar ao conxunto local e achandar o camiño da vitoria.

Pola súa banda, o coach madridista Pablo Laso, mostrouse contento co traballo defensivo do seu equipo, aludindo a unha mentalidade gañadora e ao non caer na auto-compracencia ou no subestimar a un equipo inmerso en crise de resultados.

Arrincaba o encontro cun 4-20 demoledor. Laprovittola (17 puntos, 5 rebotes, 3 asistencias e 18 de valoración) xunto con Garuba (12 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia e 20 de valoración) asumían o protagonismo do primeiro cuarto. Era o minuto 6 e o electrónico estaba 16 abaixo para Obradoiro. Apareceron Enoch (14 puntos, 5 rebotes ,1 asistencia e 21 de valoración), outra vez o mellor local, e Robertson (18 puntos, 3 rebotes, 8 asistencias e 13 de valoración) para comandar a reacción. De aí ata o final do primeiro cuarto, o Real Madrid só anotaría 3 puntos máis, mentres que os locais anotarían 12, deixando o parcial en 16-23.

No segundo cuarto comprimíase o marcador un pouco máis, 19-25 no minuto 12. Pero as rotacións de Laso daban protagonismo ao MVP do partido, Caseur (17 puntos, 1 rebote e 3 asistencias, para asinar 22 unidades de valoración). Varios roubos de balón impedían aos composteláns achegarse.

Zona de Moncho Fernández e o Real Madrid atascábase. Mesmo se poñía a 5 de diferenza tras tiros libres de Daum. Apareceu Laprovittola outra vez e tras varios intercambios de canastras con Tavares e Beliauskas de protagonistas, chegou o descanso con 32-42 no luminoso.

Comezaba a segunda parte coa sempiterna obrigación santiaguesa de remar, remar e volver remar. Eran 10 puntos de diferenza e Obradoiro corría o serio perigo de deixarse levar. Pero non foi así, aínda que os de Moncho Fernández non conseguían limar a diferenza, pelexaban e porfiaban. Garuba anotaba dous 2+1 seguidos, nos que Obradoiro pecou de inocente. Aínda así, os madridistas fixeron un 0/7 en triplos no cuarto, o cal permitiu a Obradoiro recortar un punto, gañando o terceiro cuarto 17-16.

Nove abaixo, 49-58 e o último cuarto por disputarse. Saía Obradoiro envalentonado e conseguía poñerse a tan só 4 puntos de diferenza, 58-62, no minuto 32. Con todo, o Real Madrid sabía dos “arreóns” galegos e non concedeu tregua. Apareceu un ata entón desaparecido Carrol (12 puntos, 1 rebote, 1 asistencia e 13 de valoración) para “cravar” 4 triplos no cuarto. Resultaron demoledores para os de Santiago e o partido pechábase con 16 puntos de diferenza para o Real Madrid. Sinalando o marcador un duro 71-87.

Pelexou Obradoiro, pero segue sen chegar. Desde logo non era o “ Vitorino” branco o mellor morlaco para tourear a remontada en forma de vitorias, pero o tempo aprema. Necesita Obradoiro ao mellor Birutis, minimizar os problemas cos bases tocados: Ozmizrak e Oliver, ademais de saír enchufado dese o minuto 1 ata o 40.

Próxima estación, sábado 27 de marzo ás 20:45 horas ante Guipúscoa basket en San Sebastián. Xa sen rede, no que, de non gañar, meteríase no pozo.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha