Vitoria obradoirista cimentada na fe

5 minutes read

Vitoria de Obradoiro ante Casademont Zaragoza por 87 a 82, en partido disputado o pasado sábado ás 18 horas no Multiusos Fontes do Sar. Algo máis de 4.000 persoas foron testemuñas dun encontro moi igualado, que contou con algunha presenza do conxunto maño nas bancadas, impregnando dunha sutil cor vermella a tonalidade da animada concorrencia.

Arrincou o encontro cun equipo local irresistible. Sabedores de que seguir o guion do partido a machada e de insistir, aínda que o acerto fose esquivo, era o camiño. Nada máis lonxe da realidade, os algarismos anotadores de Obradoiro raiaban a excelencia e a defensa apertaba co hándicap engadido de non cometer faltas. Expediente case inmaculado no apartado disciplinario, moi ao contrario dos maños que pronto se puxeron en bonus.

Os de vermello apenas se mantiveron na lona pugilística de Sar grazas ao talento descomunal do mvp do partido: Matt Mobley (22 puntos, 5 rebotes, 3 asistencias, para asinar 27 unidades de valoración) quen se botou o equipo ás costas sempre. Con todo, os directos e corchés en forma de acerto anotador dos de Santiago eran moitos e continuos.

Por unha banda, Birutis (17 puntos, 3 rebotes e 19 de valoración) esnaquizaba ao exObra Hlinason (6 puntos, 3 rebotes e 7 de valoración), o seu emparellamento na pintura e o seu igual en altura, tanto con canastras como cargándolle de faltas. Por outra banda, o acerto desde a liña de tres que tanto nos negou Bilbao, Santiago concedeuno. 12/17 en tiros de campo para asinar o mellor rexistro da tempada con xogo coral e varios xogadores en números importantes: Birutis 9, Robertson 9, Scrubb 8 e “canto che esperamos” Ellenson 6. Fin do cuarto con 32-19 para Obradoiro e trece de vantaxe.

Unha diferenza que mesmo subiría ao seu tope do partido coa primeira canastra do segundo cuarto, 34-19 e a vantaxe disparada aos 15. A partir de aí produciuse o apagamento local. Cun parcial de 0-14, os aragoneses golpeaban o corazón da inchada galega e a confianza dos seus xogadores. O partido apertábase a tan só un punto de diferenza no minuto 16 co luminoso sinalando 34-33, e o que era peor, medio cuarto con anotación 0 para os de Moncho Fernández. Seca rota cun triplo de Filipovity que espoleó a Obradoiro que seguiu anotando e cun parcial de 7-2 adiantábase 41-35 no minuto 19. Resposta de última hora vermella que lle contestaba con 0-7 e os de Ponsarnau que enfilaban o túnel de vestiarios co marcador volteado, 41-42, mentres a afección compostelá fregábase os ollos sen dar crédito ao cuarto que acababan de presenciar.

Saíron os locais ao parquet de Sar con ánimos renovados e doses de fe insufladas en vea, coa confianza que tiñan no bo traballo realizado nos adestramentos da semana. Era unha proba de vida e requiría de fe inquebrantable, e así se deu.
Radoncic (8 puntos, 2 rebotes, 1 asistencia e 11 de valoración) asumiu protagonismo neste terceiro acto, acompañando ao de sempre: Mobley. Excedido o ecuador do cuarto Obradoiro volvía marcharse de 6, pero non conseguía despegarse. Contraataques maños con varios 2+1 de propina estableceron as táboas no electrónico, 55-55 no minuto 27 e novamente tocaba remar.

Un inspirado Hobbs (11 puntos, 4 rebotes, 6 asistencia e 21 de valoración) dirixía con mestría a orquestra local e cun triplo “suicida” de 8 metros anotado, animaba a Ellenson (17 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias e 20 de valoración) a ser esa xogador franquía que ansía o Obradoirismo coa interpretación virtuosa dalgún “só maxistral” e a anotar con continuidade. Uníase ao trio, Scrubb, quen nunha “orxía” de baloncesto achegaba o seu granito de area cun triplo postremeiro, anotando para emendar a plana dun anterior mal xogado previamente por Hobbs, subscrito aos triplos inverosímiis e lanzado dando tempo ao contrario para armar unha última xogada evitable. Por sorte o balón acabou nas mans do canadense e a diferenza foise aos 7 puntos, 68-61 coa bucina sinalando o fin do penúltimo acto, en lugar de comprimir aínda máis o electrónico.

O último cuarto continuou a liña de suspense marcada. Obradoiro non conseguía marcharse no luminoso, parecía que Hitchcock insistía rodando a escena e cun 3+1 de Okoye e un triplo doutro exObra, o polaco Waczynski, o marcador volvíase apertar, 70-68 e 6 minutos por xogarse.
Ellenson e Hobbs con outro triplo asumían os galóns, Obradoiro escapábase de novo, 77-70 e catro minutos para o final. No lado negativo, Birutis tíñase que sentar tras facer a cuarta persoal (xa non entraría ata case o último minuto). A ausencia do lituano era aproveitada na pintura polo zaragozano Thompson (11 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias e de 13 valoración). O partido chegaba aos instantes finais cunha sutil vantaxe obradoirista na que un triplo Hobbs parecía ditar sentenza e corroborar o movemento táctico coa volta de “4 faltas” Birutis, para poñer orde no xogo interior. 82-75 a 45 segundos e os maños anotan un triplo rapidamente para axustar o marcador 82-78 e a distancia de 2 posesións. De aí ao final unha antideportiva de Sipahi transformada en puntos por Hobbs, 84-78 e o balón para os locais sinalaba o último intercambio de canastras e a cuarta vitoria para Obradoiro por 87 a 82.
Importantísima vitoria por diferentes motivos. Desde saír da dinámica de tres derrotas consecutivas e sacarse o mal sabor de boca de perder en Bilbao un partido que debeu ser galego. Pasando polo xogar con apenas 9 xogadores, nin Huguet nin Oliver participaron e Okouo estivo en pista tres minutos e medio, o que deixa en 8 xogadores con “minutos cuantificables”. Ata o dar tempo para lamerse as feridas e recuperar a Beliauskas e Álex Suárez, aproveitando o parón das xanelas FIBA.

Próxima estación: Principado de Andorra, o sábado 4 de decembro ás 18 horas ante o equipo local. Partido que marcará a futura liña a seguir e se Obradoiro mira cara arriba ou cara abaixo.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO