Grupo Lemaco Xiria 41 – U.D.Lavadores 20 (19-10)
Na Liga Ouro o Grupo Lemaco A resolveu facilmente o seu compromiso e a falta de 4 xornadas da un pasiño máis para clasificarse para o Play-off. Visitaba Carballo o Lavadores, un equipo de envergadura e incómodo, pero soubo ler perfectamente o partido o conxunto do Xiria, xogou con moita calma e sobre todo intención e cabeza no ataque, e levou o ataque do equipo vigués a onde quería, precipitalo e facer que arriscasen o balón, froito de elo, dominou o encontro ao longo dos 60 minutos. O Grupo Lemaco soubo resolver a defensa mixta sobre os laterais carballeses e marcaba con certa facilidade ao aproveitar os espazos na liña de 6 metros, o marcador favorable permitía xogar con moita calma e facerse coa ampla vitoria. A vindeira semana o equipo viaxará a Rodeiro na que será a 7ª xornada.
O Grupo Lemaco B segue invicto na Liga Prata
Grupo Lemaco Xiria B 49 – C.P. Lucense: 24 – (26-12)
Catro vitorias en catro partidos disputados nesta fase Liga Prata onde os carballeses ocupan a primeira praza do seu grupo, os catro primeiros enfrontaranse aos do grupo sur, de Pontevedra e Ourense. O Xiria recibía o sábado ao Lucense, ante o cal xa pronto marcou as diferenzas, defensa aberta dos locais que poñía en problemas a circulación do rival, o que propiciaba que os xogadores carballeses puidesen correr as contras e marcar con facilidade, o marcador de 26 a 12 no descanso, xa daba conta da superioridade. Na segunda metade o Grupo Lemaco non baixou a intensidade e seguiu acosando a posesión de balón contraria, pechando espazos e obrigando os xogadores lucenses a xogar con precipitación, en ataque conseguía crear e aproveitar ben os espazos ao igual que estivo acertado no lanzamento. Incrementouse a diferenza ata ese 49 a 24 final.
