Con esta actividade a Escola de Basquet Xiria (EBX) pretende achegar o deporte do baloncesto ós veciños e veciñas das parroquias de Carballo, empregando pistas deportivas ubicadas na súa contorna ó aire libre, cun evento de carácter lúdico, deportivo e social, onde participarán equipos das categorías inferiores da EBX, masculinos e femininos, que están a iniciar a súa pretempada neste mes de setembro. Este xoves tivo lugar a presentación oficial desta actividade no Concello de Carballo.
Todas as persoas asistentes maiores e máis novos poderán desfrutar e participar de xeito activo neste evento, e haberá concursos e sorteos. Por outra banda a EBX pretende fomentar e difundir a práctica deportiva e os hábitos de vida saudable entre os veciños e veciñas residentes en diferentes lugares de Carballo.
Ademais con esta actividade poñense en valor os recursos existentes no municipio que se atopan fora do núcleo urbano, e asemade é unha forma de achegalos os xogadores, xogadoras e familias e fomentar o contacto e relación de veciños e veciñas de diferentes zonas. Lembrar que nas 2 anteriores edicións esta actividade tivo lugar nas parroquias de Verdillo, Sísamo, Carballo (A Brea), Noicela e Razo.
Colaboran con esta iniciativa o Concello de Carballo, os Consellos Parroquiais, representantes veciñais de Bértoa e Goiáns e a Deputación da Coruña.