‘Voa, Saltarín’ | Novo conto de Guadalupe Vázquez que nos leva ata a Fin da Terra

Cedida.

A Xunta de Galicia publica esta segunda aventura do Saltarín de Guadalupe Vázquez Formoso, mestra no CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo, que será presentada este 18 de agosto ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Cee.Cada asistente ao acto recibirá un exemplar gratuíto e, se o desexa, dedicado pola propia autora e o seu fillo de oito anos, Antón, quen axudou cos debuxos, texto e audio do conto.

A autora explica que este segundo libro, de título completo Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! Fly, Little Grasshopper, to the End of the World!, tamén bilingüe en galego e inglés e de marcado contido pedagóxico, “está pensado, igual que o anterior, para que os nenos e nenas aprendan a través do xogo e o movemento, dándolles incluso as ferramentas para poder voar e ata recorrer as galaxias ou o universo enteiro, á vez que supón un canto de amor á terra que pretende dar a coñecer aos máis pequenos as súas raíces.”

O conto, unha continuación do anterior Chouta, Saltarín! Hop, Little Grasshopper!, que fora tan ben acollido que en pouco tempo se esgotaran todos os exemplares, vai complementado por unha versión en vídeo xa dispoñible na canle Youtube, con música do mestre da Escola de Música do Concello de Cee, Fernando Fraga.

A autora adianta que “hai xa unha terceira aventura do noso saltón que non tardará en ver a luz”, a de Saltarín camiñando “con pasos de xigante” no Monte do Pindo, na súa terra nai do concello de Carnota.

Guadalupe Vázquez Formoso naceu en 1981 e viviu a súa infancia entre os Estados Unidos e Galicia. Licenciouse en Filoloxía Inglesa pola Universidade de A Coruña e actualmente é profesora na etapas de educación infantil, primaria e secundaria no CPR Manuela Rial Mouzo de Cee.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha