Volve a campaña «Polo Nadal eu quero artesanía» ao Castelo de Vimianzo

1 minutes read

O Concello de Vimianzo impulsa unha campaña na que se promove a artesanía como un agasallo diferente e especial. Na Mostra de Artesanía ao Vivo do Castelo de Vimianzo pode atoparse unha gran diversidade de produtos feitos a man, ademais de poder ver como se elaboran. Encaixe, liño, xoiaría, cestería, maquetería de barcos, olería, trenzado en palla ou mesmo coiro son algúns dos elementos que se poden mercar, desde os formatos máis tradicionais aos máis innovadores. A campaña Polo Nadal eu quero artesanía é un xeito de promover o desenvolvemento local, apoiando os saberes tradicionais e a tradición da comarca como un ben patrimonial intanxible a potenciar e protexer.

Como acto especial, no marco das actividades de Nadal previstas polo Concello, este sábado 14 durante a tarde (de 16h a 19h) a xente que se achegue ao Castelo de Vimianzo poderá coñecer o interesante traballo dos artesáns e a historia do castelo con visitas guiadas, incluindo unha visita nocturna pola propia muralla. Ademais a partir das 16h30 os visitantes poderán tomar un chocolate na lareira do castelo no que se prenderá o tradicional Cepo de Nadal.