Volve a Semana Cultural de Zas con actividades para todos os públicos


O Concello de Zas vén de dar a coñecer as actividades incluídas na Semana Cultural que organiza o Departamento de Cultura ao redor da Festa da Carballeira. Así dende o próximo domingo, 7 de agosto, e ata o sábado 13, en Zas haberá actividades para todos os púlbicos: exposicións, obradoiros, teatro, roteiros, monólogos e música de alto nivel.

Ao longo de toda a semana, o Centro Sociocultural de Zas acollerá dúas exposicións. Unha sobre cos distintos traballos de cesteiría, manualidades e bordado realizado ao longo de todo ano polo alumnado dos cursos municipais. E a outra será unha exposición fotográfica con imaxes antigas do Concello de Zas do arquivo fotográfico de Gonzalo Romero Osende e cedidas pola familia Romero Mengotti. 

Outro dos pratos fortes da Semana Cultural 2022 son os obradoiros. Para os máis novos haberá talleres sobre a robótica educativa; pedras de papel, artesanía e patrimonio; e ciencia e nutrición. Mentras que para o público adulto haberá toda a semana un Obradoiro de percusión tradicional impartido pola Asociación de Baile Tradicional Churía e un Obradoiro de  deseño de álbums de fotos coa técnica ScrapBooking.