Volve a vida a Casa do Pozo en Santa Comba

1 minutes read
  • Os alumnos do obradoiro Xallas-Barcala-Dubra IV veñen de poñer en marcha a iniciativa de dinamización de Visitas teatralizadas ao lugar

A casa do Pozo é unha vivenda do século XIX de planta rectangular. Doada ao concello foi rehabilitada e no ano 2012 abriuse o museo Terra do Xallas. Cunha base histórica, a visita por esta casa fidalga é coma entrar nunha máquina do tempo que nos transporta a outra época. As persoas que asistan a viaxe disfrutarán dun percorrido pola historia, a sociedade, a educación, o mundo da empresa, e o fenómeno migratorio no S.XX na vila de Santa Comba.

As visitas, orientadas para grupos cun máximo de quince persoas e previa reserva, comezaron este luns 8, e seguirán o 15 e 22 de xullo ás 12 da mañá.

Esta actividade fai realidade un dos obxectivos primordiais do obradoiro que é a promoción e posta en valor dos recursos turísticos, así coma incidir na necesidade de exercer a divulgación turística dunha maneira innovadora que conecte directamente co público. Trátase de aproveitar o tempo de ocio divertíndose e aprendendo.