Volve ‘Eu Son Camariñas’, o programa para dar visibilidade aos veciños máis selleiros


  • Nesta nova andadura publicarase unha entrevista audiovisual e mensual na web do proxecto

O Concello de Camariñas reactiva o programa ‘Eu Son Camariñas’, un proxecto municipal creado para dar visibilidade a aqueles veciños que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. Iniciado fai dous anos, volve a retomarse despois do parón causado pola pandemia e faino cunha nova proposta: publicar mensualmente na propia web unha entrevista a un destes camariñáns selleiros.

O encargado de inaugurar esta nova sección é o escritor Víctor Fernández Alves, do barrio do Campo, que ademais será o condutor deste espazo audiovisual.

Eu Son Camariñas: unha ventá ao mundo

Ademais de crear unha comunidade entre os propios veciños, este programa pretende ser un escaparate desde o que se poida reflectir o traballo, o talento e as virtudes dos artesáns, deportistas, mariñeiros ou empresarios da localidade e que ademai sirvan para “inculcar un chisco de esperanza a toda esa xeración que está a formarse nas escolas do concello”, destaca a alcaldesa, Sandra Ínsua.