- Nesta nova andadura publicarase unha entrevista audiovisual e mensual na web do proxecto
O Concello de Camariñas reactiva o programa ‘Eu Son Camariñas’, un proxecto municipal creado para dar visibilidade a aqueles veciños que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. Iniciado fai dous anos, volve a retomarse despois do parón causado pola pandemia e faino cunha nova proposta: publicar mensualmente na propia web unha entrevista a un destes camariñáns selleiros.
O encargado de inaugurar esta nova sección é o escritor Víctor Fernández Alves, do barrio do Campo, que ademais será o condutor deste espazo audiovisual.
Eu Son Camariñas: unha ventá ao mundo
Ademais de crear unha comunidade entre os propios veciños, este programa pretende ser un escaparate desde o que se poida reflectir o traballo, o talento e as virtudes dos artesáns, deportistas, mariñeiros ou empresarios da localidade e que ademai sirvan para «inculcar un chisco de esperanza a toda esa xeración que está a formarse nas escolas do concello», destaca a alcaldesa, Sandra Ínsua.