O Club Ciclista Carballo – Vázquez y Reino organiza, en colaboración co Concello de Carballo, e co apoio da Federación Galega de Ciclismo, a cuarta edición da Challenge Junior Carballo. Esta edición recupera o tempo perdido pola pandemia con máis xornadas e moitos máis participantes. Presentárona a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o alcalde, Evencio Ferrero.
A pesar de manter o número de etapas (3), estas pasarán de celebrarse en dous días a facelo en tres. Este é o calendario para os 130 corredores/as de toda a península que percorrerán as nosas estradas e dos concellos veciños: venres 26 pola tarde en Razo, sábado pola tarde en Carballo e domingo con saída en Carballo e final en Pedra do Sal.
Aos 130 corredores hai que sumar os máis de 40 técnicos que visitarán a vila, o persoal que colabora na seguridade como Moto enlace, comité arbitral, persoal da Federación, e que suman preto de 200 persoas.
Etapas
- Venres 26 de agosto. Contrarreloxo individual con saída na Praia de Razo e meta en Monteneme. 3 km contra o reloxo nunha subida que xa é un clásico no calendario e que determinará o primeiro líder da proba. Horario 19:30-21:00
- Sábado 27 de agosto. Etapa en liña que percorre o circuíto tradicional das probas organizadas polo CC Carballo, visitando Coristanco e Rus e co alto da Agualada e da Pifaína como claves para determinar o vencedor da etapa, na que o traballo dos equipos será determinante. Horario 16:30 – 19:30. 106 km. Categoría nacional.
- Domingo 28 de agosto. Etapa en liña con saída en Carballo, e que tras percorrer parte dos concellos de Malpica e Ponteceso visita a costa carballesa, con varios pasos polas parroquias de Oza, Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela que pola súa dureza determinarán o vencedor final da Challenge. Horario 9:30 – 12:00. 95 km. Categoría Nacional.