Volve o ‘Descenso do Anllóns’ polo San Xoán carballés con nove embarcacións

2 minutes read
  • Será o próximo sábado 25 a partir das 18 horas.
  • Durante a xornada do 23 terá lugar o concurso de cachelas, que nesta 33 edición conta con cinco participantes.

O regreso do San Xoán en Carballo implica tamén o retorno dos dous concursos que levan máis anos vinculados a estas festas. O xoves 23 levarase a cabo unha nova edición do ‘Concurso de cachelas‘. Son xa 33 anos e centos de participantes, aos que se sumarán outros cinco neste 2022.

Polo simple feito de participar, sempre que reúnan unha calidade mínima, a cada cachela correspóndelle unha gratificación de 20 a 50 euros. O xurado realizará o percorrido a partir das 19.30 horas do día 23 valorando a orixinalidade do deseño e distintos aspectos da elaboración. A gañadora recibirá un premio de 600 euros e trofeo de Sargadelos patrocinado por Calvelo Platería; a segunda, 300 euros; a terceira, 200 e, a cuarta, 150. Tamén poderán outorgarse accésits por valor de 200 euros ou deixar deserto algún dos premios se así o considera o xurado.

O sábado 25 será o turno do ‘Descenso do Anllóns‘, no que hai nove embarcacións inscritas. A organización decidiu acurtar o percorrido para facilitar o descenso dada a escaseza de auga na canle. Deste xeito, o punto de partida estará situado no Bosque do Añón, no espazo onde se celebra a Festa do Bosque. Os participantes poderán acceder dende o Añón para trasladar as súas embarcacións ata o punto de partida, onde deben presentarse ás 17.00 horas para a valoración e a recollida de dorsais. A saída realizarase a partir das 18.00 horas.

As embarcacións participantes recibirán unha gratificación de 40 euros e poderán optar, ademais, aos seguintes premios.

  • 1º Premio á embarcación máis orixinal: 300 € e vale de 150 € patrocinado por Dequip
  • 2º Premio á embarcación máis orixinal: 200 €
  • 3º Premio á embarcación máis orixinal: 125 €
  • 1º Premio á tripulación máis simpática: 200 €
  • Premio ás probas de habilidade: 100 €
  • Premio á embarcación máis veloz: 100 €

O xurado poderá outorgar accésits por un valor de 250 €.