Volve o programa ‘Aprende a través do surfing’ aos colexios de Carballo

1 minutes read
  • Trátase dun proxecto onde o alumnado poderá practicar este deporte mentres aprende a coidar do mar e a compartir experiencias e emocións cos demais

Alumnado dos colexios Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, A Cristina e Gándara-Sofán está a desfrutar esta primavera, por segundo ano consecutivo, das actividades que conforman o proxecto deportivo-educativo Aprende a través do surfing, organizado pola Federación Española de Surfing e Surf and Clean coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo.

Neste mes de abril, ao igual que sucedeu en marzo, as actividades están a desenvolverse nos centros educativos mentres que para maio e xuño están programadas saídas á praia. Desde Surf and Clean explican que o obxectivo destas formacións é que a rapazada «mellore a relación consigo mesma, coas demais persoas e coa nosa contorna». A través deste deporte poderán poñer en práctica valores como a integración, a igualdade, a superación ou a conexión co momento presente para «aprender transversalidades tan importantes como cultura de mar», afirman desde a entidade.

Entre as actividades previstas, que se encargará de impartir e coordinar a escola local de surfing Boaola, figuran caracterizacións da praia para coñecer o seu estado, propostas de mellora da súa relación coa contorna ou concursos de debuxo de animais mariños para abordar o problema da sobrepesca, entre outras.