- O festival celebrarase o 18 de xuño arredor das festas de San Xoán
Janis Joplin será a protagonista do festival de música alternativa Rockin Carballo deste 2022 tras dous anos de parón debido á pandemia, pero á estadounidense tamén se sumarán outros artistas como Jimi Hendrix, Jim Morrison ou Aretha Franklin. Todos eles serán símbolos dunha nova edición que se desenvolverá o 18 de xuño, arredor das festas do San Xoán.
Desde a concellaría de Mocidade aínda non desvelaron os grupos que pasarán polo escenario pero aseguran que «pagará moito a pena». «Queremos que o festival dea un salto de calidade en todos os sentidos», sinalou a edil Maruxa Suárez, quen tamén felicitou ao deseñador carballés Juan Félix Gende polo cartel deste ano onde as herbas de San Xoán forman a cabeleira dunha das iconas femininas máis importantes do rock.